A Iniciativa

Por que?

  • Porque sen dereitos de autoría non remuneramos de forma xusta as persoas que crean cultura e coñecemento.
  • Porque o sistema actual só favorece uns poucos, unhas entidades de xestión que, en nome destas persoas, se lucran e presumen diso, incumprindo as normas con total impunidade ou ben amparándose nas normas creadas ao seu favor.
  • Porque cremos na xestión colectiva xusta, razoable e equitativa.
  • Porque queremos potenciar a autoxestión, é dicir, a xestión directa dos dereitos, o que é posible co uso das actuais tecnoloxías.

Para que?

  • Para traballar en beneficio das persoas creativas e esixir o cumprimento das leis.
  • Para conseguir un sistema baseado na xestión proporcional ao valor dos dereitos.
  • Para mudar a normativa e potenciar a autoxestión.
  • Para que os importes recadados vaian, por fin, a autoras/es e titulares de dereitos e deixen de engordar as arcas das entidades intermediarias.
  • Para que a recadación e a repartición das entidades de xestión sexan públicas e cheguen a quen debe recibilas, as persoas creativas.

Interésache

  • Se non tes claro o que che corresponde por dereitos de autoría
  • Se consideras que pagas demasiado pola música da túa cafetería
  • Se non sabes cales son os teus dereitos como creador ou creadora
  • Se cres que precisas máis información á hora de asinar contratos cunha entidade de xestión
  • Se non sabes que facer se unha entidade de xestión recada no teu nome
  • Se buscas unha alternativa na xestión dos teus dereitos

Esta plataforma conta co apoio da asociación INTANGIA, que defende e asesora sobre a xestión directa dos teus dereitos de propiedade intelectual.

O actual modelo é monopolista, opaco e pouco eficiente no seu funcionamento; aplica tarifas discriminatorias e obstaculiza a capacidade de xestión das persoas autoras, en particular, das que realizan a súa actividade en internet.

Manifesto da plataforma de afectad@s pola xestión colectiva de dereitos de autoría
Manifesto da plataforma de afectad@s pola xestión colectiva de dereitos de autoría

MANIFESTO DA PLATAFORMA DE AFECTAD@S POLA XESTIÓN COLECTIVA DE DEREITOS DE AUTORÍA

O impacto da tecnoloxía dixital na xestión colectiva dos dereitos de autor e conexos fai necesario repensar a forma en que se viu desenvolvendo esta actividade, e a viabilidade de implementar modelos de xestión alternativos que respondan ás demandas dun modelo máis xusto.

As reformas introducidas na Lei de Propiedade Intelectual por mor da transposición da Directiva de 2014 sobre xestión colectiva resultan claramente insuficientes e favorecen o mantemento de monopolios xestores de dereitos de propiedade intelectual.

 

O informe realizado pola Comisión Nacional do Mercado e a Competencia denuncia que «a Lei de Propiedade Intelectual impón a xestión colectiva obrigatoria a través de entidades de xestión máis aló do que obriga a lexislación da Unión Europea. Esta imposición legal elimina a liberdade do titular do dereito para elixir entre a xestión individual ou a colectiva (en calquera das súas formas materialmente posibles), o que, grazas ao progreso tecnolóxico, é cada vez máis factible, de forma especial no ámbito en liña».

 

Con todo isto, as persoas e entidades englobadas en LAUTORA, sumámonos á Comisión Nacional do Mercado e a Competencia e pedimos aos gobernos central e autonómicos a posta en marcha dunha serie de medidas para garantir a democratización da xestión dos dereitos de autoría:

1

Esiximos a aplicación da Directiva 2014/26/UE, para que se cumpran todos e cada un dos apartados relacionados coa transparencia e a rendición de contas das entidades de xestión colectiva:

  • As regras sobre recadacións e ingresos de cada entidade de xestión,
  • sobre o reparto e o pagamento a artistas e titulares de dereitos,
  • sobre a concesión de licenzas á parte usuaria,
  • sobre a sinatura de acordos sectoriais.
  •  
2

Esiximos que se encargue a un organismo autónomo e alleo ás entidades actuais a xestión do portelo único, para facilitar á parte usuaria o pagamento dunha cantidade única e controlar o reparto entre as entidades, evitando a aplicación de tarifas duplicadas.

3

Propomos a creación dun organismo autónomo, ou ben máis competencias para a Comisión Nacional do Mercado e a Competencia, para supervisar a creación de novas entidades de xestión colectiva ou independentes, que garanta a legalidade fronte aos intereses do resto de entidades de xestión.

4

Esiximos que prevaleza a xestión individual dos dereitos de autoría, impulsando o desenvolvemento de ferramentas tecnolóxicas que faciliten a devandita xestión directa e garantindo, nas futuras normativas que reformen a Lei de Propiedade Intelectual, a liberdade individual fronte ao monopolio da xestión colectiva.

Asina para apoiar a iniciativa:

Coa túa sinatura apoias a iniciativa e fas que poidamos mudar a lexislación no lugar onde se toman as decisións: o Congreso.

Esta sinatura non te compromete a nada, simplemente nos ofreces o teu apoio.

    Back To Top

    Somos artistas, xornalistas, músicos, artistas gráficos, entidades que nos dedicamos ao sector audiovisual e publicitario… Somos persoas, profesionais e empresas afectadas pola xestión colectiva dos dereitos de autor.

    Contacte connosco

    San julián, nº 22 local Navarra
    31171 España
    Tel: +34 948 32 13 99
    Mov: +34 619 322 210
    info@intangia.es

    Social